Chove en Santiago
Este é o título
dunha canción de Luar na Lubre, unha canción que vén a evocar a choiva na pedra
de Santiago. Hoxe torna a chover en Santiago, e chove sobre mollado. Outra vez
xurde desde o interior dun pobo o berro quebrantado que di “nunca máis”, e unha
vez máis choramos a xeito de choiva sobre a pedra inquebrantable da catástrofe.
E hoxe, como
moitas outras veces, escribo este post dende o tren, hoxe nun AVE Albacete –
Madrid, e coma moitas outras ocasións
vexo a paisaxe e a comparo coa de Galicia e hoxe, como noutras ocasións boto en
falta o minifundismo, o verde, a montaña e o mar. Pero hoxe é diferente, hoxe
non boto en falta a miña terra, hoxe sinto moi dentro a dor da traxedia. Hoxe posiblemente
comparto coas persoas que onte viaxaban , o desexo de chegar ao meu destino,
posiblemente comparto o cansancio do día ou a mirada pegada ao cristal para
atopar algún soño alén do horizonte, pero non comparto unha portada morbosa de
periódico, nin os comentarios desafortunados dos tertulianos, nin unha chamada
fría dun servizo de emerxencias a miña familia, nin a metedura de pata do
comunicado do goberno, nin a fatídica e inesperada morte. Non comparto o
desenlace do infortunio, con culpable ou verdugo, con vítima ou protagonista.
Só sei que me invade a tristeza, a indignación, a rabia e o desconcerto.
Berramos cos dentes apertados e as bágoas nos ollos “nunca máis” e a realidade
dinos “outra vez”.
Hoxe, máis que
nunca, estou en Galicia, son Galicia, sinto Galicia. Hoxe, día da Patria
Galega.
María, nos duele el corazón por vuestro dolor que es el nuestro. Un abrazo grande.
ResponderEliminar